A MANCOMUNIDADE BARBANZA AROUSA CONTINÚA A SÚA APOSTA POLO CAMIÑO DE SANTIAGO DO BARBANZA “A ORIXE” MEDIANTE FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS PARA DALO A COÑECER NUN MUNDO CADA VEZ MÁIS DIXITALIZADO. UN VIDEOMAPPING E PLATAFORMAS COMO WIKILOC E STRAVA SON FERRAMENTAS QUE AXUDARÁN A POÑELO EN VALOR.
Desde a Mancomunidade Barbanza Arousa continúase promovendo o Camiño de Santiago “A Orixe”.
Despois do trackeado e a panelización, levouse a cabo un vídeo mapping por cada etapa desde Corrubedo a Santiago de Compostela. Trátase de vídeos curtos que mostran cada unha das etapas do camiño coa localización dalgúns dos recursos principais e outros elementos de interese para os peregrinos como son as áreas de descanso e as fontes de auga potable.
Así mesmo, de forma superposta no mapa móstranse algúns das paisaxes que se poden gozar ao longo deste percorrido, que marca a orixe da tradición Xacobea. Trátase de vídeos curtos por cada etapa e moi concretos, co obxectivo de que tanto o visitante como o residente atopan unha ferramenta útil que lle transmita este camiño tan particular e que alberga tanto valor engadido, tanto material como inmaterial.
Este vídeo mapping pódese ver na plataforma Youtube e nas redes sociais da Mancomunidade e, proximamente, estará tamén na páxina web. Así mesmo, co obxectivo de facilitar o coñecemento do percorrido, o track está dispoñible na web e tamén nas plataformas de roteiros con maior número de descargas a nivel nacional, como son Wikiloc e Strava. O fin é dar a coñecer e potenciar este Camiño de Santiago chegando ao público potencial coas ferramentas que este utiliza normalmente.
A actual situación de pandemia xerou novas tendencias nas viaxes que marcarán os próximos anos e enfrontámonos a un cambio de paradigma, no que os espazos abertos e os roteiros en contacto coa natureza son unha demanda crecente. Neste sentido, Barbanza Arousa ten moito que ofrecer e o Camiño de Santiago do Barbanza A Orixe supón unha oferta potencial de alta calidade e competitividade.